O pleno de Redondela comprométese a reclamar que a Unión Europea non prohíba a arte do xeito, unha modalidade de enmalle á deriva que se emprega nas rías de Galicia principalmente para a captura artesanal da sardiña. Os grupos da oposición recriminan aos populares non ter actuado con maior contundencia na defensa dos traballadores do mar.
O patrón maior da Confraría de Cesantes, Clemente Bastos, foi o encargado de ler a moción na que denuncia a intención de Bruxelas de promover a prohibición de calquera tipo de redes á deriva, incluído o xeito, cuxas capturas nada teñen que ver coas masivas doutras artes “metendo no mesmo saco artes tradicionais, respetuosas co medio ambiente, sustentables e que practicamente non provocan descartes, xunto con outras que esquilman os mares” Unha moción na que se insta “aos grupos tanto do Parlamento galego, do Congreso dos Deputados e a cada un dos eurodeputados galegos a defender a continuidade do xeito e o aumento das cotas de pesca para as embarcacións do cerco” Reclamaba Bastos este apoio para a que é a día de hoxe “a empresa máis grande de Redondela e a que máis postos de traballo crea incluso en tempos de crise: a confraría de pescadores”. Todos os grupos estiveron de acordo co apoiar estas demandas atendendo a que se trata dunha arte sen impacto ambiental nin biolóxico na peixería da sardiña pero que supón unha importante actividade económica para as 40 embarcacións redondeláns que a levan a cabo. Malia a unanimidade o debate non estivo exento de enfrontamento. Entenden os nacionalistas que se chega a este punto pola deixadez dos populares. Cecilia Pérez Orge responsabilizaba da situación ao presidente da Xunta Núñez Feijoo e a conselleira do mar, Rosa Quintana, por non ter trasladado ao goberno español e europeo as demandas do sector pesqueiro galego. Criticaba tamén que noutras arte como a do cerco “os vascos teñan máis cota cos galegos malia teren menos embarcacións porque teñen un goberno que si defende os seus intereses”. Insistía na necesidade de garantir que a pervivencia da pesca do xeito “unha pesca que se fai con xeito, con cariño e sen prexudicar o medio mariño”. Os socialistas criticaban tamén aos populares a súa deixadez en política pesqueira por non ter presentados alegacións e normativa que a Unión Europea aplicará no vindeiro ano e que de continuar adiantes nos termos actuais prohibiría aos xeiteiros continuar coa súa actividade, segundo dixo o edil Eduardo Reguera. Unha críticas que os populares rexeitaron. Aseguraba o popular Miguel Angel Alvarez Ballesteros que a Xunta presentou alegacións cando tivo que facelo pero que agora é tempo non de política senón de amosar o seu apoio aos traballadores do mar. Os xeiteiros defenden este tipo de arte que ten máis de cen anos de historia e insisten a súa pouca repercusión no TAC da sardiña, xa que as capturas dos barcos galegos, de unha ou dúas persoas, son mínimas e que a decisión de Bruxelas e “inxusta” xa que nada ten que ver o xeito coas capturas masivas realizadas con redes á deriva por parte doutro tipo de barcos.