Operarios municipais procederon a cubrir con plásticos os estantes da planta superior da biblioteca para evitar que as pingueiras, que se multiplicaron logo das fortes precipitacións das últimas horas, arruínen os libros alí almacenados. Tamén se procedeu a colocar plásticos e máis cubos en diferentes puntos do edificio, principalmente no auditorio. As obras de reparación da cuberta do Multiusos están a ser realizadas pola empresa Anrod Latem S.L.
As obras encamiñadas a reformar a cuberta do Multiusos da Xunqueira e evitar así as filtracións de auga empeoraron notablemente a situación do inmoble nos últimos días. Xa na fin de semana se producía un incremento notable das pingueiras que inundaban parte do auditorio e da biblioteca así como outras aulas e espazos do edificio. Unha situación que se viu agravada aínda máis na xornada de onte cando se producían fortes chuvias que obrigaban a incrementar o número de caldeiros que salpican o edificio.
A empresa encargada da reforma é Anrod Latem S.L., cuxos operarios comezarn semanas atrás unha obra orzamentada 105.000 euros e que está destinada precisamente a acabar de xeito definitivo cun problema de filtracións que se ven sufrindo dende hai xa anos.
O prazo de execución é de tres meses polo que a situación actual podería prolongase aínda durante semanas.