Co gallo de reivindicar o uso do noso idioma no ámbito científico e como reacción contra o decreto de plurilingüismo no que se prohibe a impartición das aulas científicas en galego naceu hai catro anos o Día da Ciencia en galego, unha data a celebrar cada 4 de novembro. Unha conmemoración á que se unen tamén no Instituto de Chapela que desenvolven nesta semana un programa de actividades no seu centro.
Co obxectivo de mostrarlle á sociedade a variedade e riqueza da investigación científica que se realiza empregando a nosa lingua e para conmemorar esta data o o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos da área de Ciencias (Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía e Bioloxía e Xeoloxía) do IES de Chapela organizan dúas actividades nesta semana. Así hoxe ás 12:30h o profesor da Facultade de química da Universidade de Vigo, Moisés Pérez Lorenzo impartirá unha charla baixo o título “Nanotecnoloxía: o futuro é agora” na que explicará os últimos traballos que está realizando o seu grupo de investigación e a potencialidade da nanotecnoloxía para o desenvolvemento científico. Duratne toda a semana terá lugar unha exposición e explicación de once experimentos científicos conducida por alumnado do centro. Serán experiencias sorprendentes que contan cunha explicación científica relacionada coa Física, a Química, as Matemáticas, a Bioloxía ou a Xeoloxía. A explicación será dada por alumnado voluntario da ESO e Bacharelato que xa leva semanas preparando os experimentos co profesorado da área de ciencias.