Redondela conta desde este outono cun reclamo máis para o turismo, a fervenza de Reboreda. Unha paraxe de beleza espectacular que ata o de agora carecía dun acceso público. Un paseo a carón do río e unha pasarela de madeira permite desde setembro acceder ao salto de auga, pero o proxecto non estivo exento de polémica. A estrutura de madeira sobre a propia fervenza foi cualificada por AER como un erro “medioambiental e paisaxístico”. Os veciños tamén denunciaron que se tivese pechado un camiño público que logo tivo que reabrirse.
A fervenza da Feixa ofrece un das paraxes máis fermosas de Redondela. Con todo, moi poucos podían gozar desta espectacular contorna natural na canle do Alvedosa ao carecer dun acceso público axeitado. Toñi explica que, malia ser residente de Reboreda, tan só puido ver a fervenza “grazas a que unha veciña lle permitiu acceder pola súa finca”. Por iso se amosa “satisfeita” de que agora todo o mundo poida gozar desta espectacular paraxe. A recente creación dunha senda polo río e a construción dunha pasarela de madeira permite agora contemplar a fervenza desde diversas perspectivas. A senda abriuse ao público a finais do pasado mes de setembro. O acceso á zona pódese facer tanto desde a base do viaduto do AVE de Reboreda, onde se habilitou un camiño sinalizado, como desde o Muiño Vello, situado no outro extremo do paseo. Con todo, a obra non estivo exenta de polémica. Os veciños lamentan que o goberno local non os informara do proxecto, e negociara cos propietarios das leiras afectadas o peche dun camiño público. Paco foi un dos veciños que presentou a queixa no Concello. Advirte que, malia que a obra é unha actuación moi boa, o Concello podería ter feito as xestións con máis transparencia “para evitar enfrontamentos entre os veciños”. Lamenta que non foran informados antes de pechar o camiño do Salvador, que logo tivo que ser reaberto. A súa muller, Marita, amósase tamén moi afectada pola situación, xa que supuxo pasar momentos “de moita tensión” entre veciños. Pero non é este o único conflito pola creación deste paseo. Na outra punta do tramo veciños como Mucha reclaman a retirada do portal situado no Muíño Vello. Afirma que o terreo onde está instalado é un camiño público, e que tanto o portelo como o muro no que se sustenta debería eliminarse “para permitir o paso dos veciños”. Unha gran fochanca mantén cortado o acceso principal Agora un problema engadido no acceso principal ao paseo é unha gran fochanca causada polas fortes chuvias e a crecida do río. A zona está balizada desde o desprendemento de terra causado polo torrente de auga do pasado 17 de outubro, e hai habilitado outro carreiro a escasos metros para acceder ao paseo. Desde o Concello explican que a reparación do focha lle corresponde á empresa adxudicataria do novo viaduto do AVE, e confían en que os trámites se resolvan pronto para poder reparar a zona canto antes. A focha localízase moi preto dun dos alicerces do viaduto do AVE, onde se libera o desaugadoiro da ponte, e as fortes chuvias provocaron esta enorme gabia duns cinco metros de lonxitude e tres de profundidade.