A Agrupación de Electores amosa a súa sorpresa porque a “proba práctica” para cubrir tres postos de conserxe de pavillón polideportivo do concello consistise nun exame escrito con preguntas tipo: “como cambiarías un enchufe?”, “que tamaño ten un folio DIN A4?” e non no desenvolvemento práctico de problemas reais. Critican tamén que o exame estivera redactado en castelán.
Explican dende AER que en ningún caso “é o mesmo unha proba práctica (saber facer o traballo) que un caso práctico (saber a teoría)” polo que non entenden os termos nos que se desenvolveu unha parte do exame para facerse cun dos postos de conserxe que ofertaba o concello.
Engaden que “alguén que nunca colleu unha ferramenta na súa man, con chapar o temario podería sacar a máxima nota, en cambio unha persoa que está aburrida de facer este tipo de traballos, por non saber o tamaño dun tipo de folio, por exemplo, xa tería peor nota”.
Lembra AER que no seu día pediron “uns criterios públicos de avaliación na proba practica, que estarían recollidos nas bases da convocatoria”. Unha proposta que foi rexeitada por PP-PSOE-BNG por entender que “era unha mostra de desconfianza no tribunal”.
A Agrupación de Electores salienta tamén que o exame está redactado en castelán sendo esta unha mostra “do compromiso do equipo de goberno do PP coa nosa cultura e nosa lingua”