O casco urbano de Redondela e as parroquias de Reboreda e Cesantes permaneceron boa parte do pasado domingo a escuras. Así o denuncian dende o BNG ao tempo que subliñan que estes cortes no subministro estanse a producir con certa frecuencia nas diferentes parroquias do concello. Ante esta situación solicitan ao goberno local que aclare cal é o motivo destas incidencias.
Os nacionalistas veñen de presentar un escrito no rexistro no Concello solicitando explicacións polos cortes de subministro eléctrico do pasado domingo que afectaron a boa parte do casco urbano de Redondela, Reboreda e Cesantes. Ademais de información solicitan do goberno local medidas para evitar que se repitan estas incidencias que, segundo explica o edil Xoán Carlos González, “estanse a producir con certa frecuencia e causan numerosos inconvenientes e molestias a veciños e veciñas”
Apuntan tamén que na xornada do sábado en Cabanas producíase un corte de subministro no alumeado publico “co conseguinte risco para a seguridade viaria”.
Dende o BNG consideran que alguén debería dar explicacións desta situación e lembran que “no seu momento reclamamos en sesión plenaria que non se recoñecera unha factura de 3.000 euros para presionar a Fenosa, proposta que foi rexeitada”.