A orquestra Suavecito será a encargada de amenizar un evento festivo que se vai desenvolver na noite de Fin de Ano nunha carpa instalada para tal fin no Campo da Feira. A Concelleira de Festas Erminda Quelle entende que “hai que consolidar esta actividade que serve para dinamizar a hostalaría no casco urbano”.
O Concello ten pechado xa o programa de actividades que se van desenvolver nas datas de Nadal no noso municipio. Ademais das citas culturais, no estrictamente festivo dende a Concellería de Festas organizan actividades para os máis pequenos que se van desenvolver nas carpas que se instalarán na praza de Ribadavia en Redondela e na Alameda de Chapela. Agás nas xornadas festivas realizaranse nesta carpas a partir do 20 de decembro e ata o 4 de xaneiro diferentes obradoiros e espectáculos orientados ao público infantil. Xa para o público adulto Erminda Quelle adiantaba que se volverá organizar dende o Concello unha festa de fin de ano no Campo da Feira que nesta segunda edición contará estará amenizada pola Orquestra Suavecito. Unha Festa que foi moi criticada o ano pasado polos grupos da oposición por entender que a organización deste evento supón un elevado investimento por parte das arcas municipais para unha actividade puntual que contou con escasa asistencia. A edil nega as críticas e insiste en que esta actividades serve para dinamizar o sector da hostalaría nunha noite que nos últimos anos “estaba moi parada no centro da vila”. Quelle estima que o aluguer da carpa e a contratación da orquestra suporá un investimentos en torno aos 7.000 euros.