A senadora socialistas Angeles Marra pregunta na Comisión de Fomento polas obras de electrificación que se están a realizar na liña férrea entre Vigo e Pontevedra e que afectan de cheo “a unha infraestrutura histórica como é o viaduto de Redondela inaugurado en 1884” A colocación dunhas “torretas” ao longo da ponte están a alterar gravemente segundo denuncian “a súa estética e a estrutura orixinal de 130 anos de historia”.
O grupo municipal do PSOE amósase moi crítico coa actuación que cualifica de “moi agresiva” ao afectar a unha emblemática obra da localidade. Explican que as actuacións que están a realizar os operarios de ADIF para proceder a electrificación da liña férrea provocan “cortes nas cornixas de pedra nos piares do viadutos que están alterando gravemente a súa estética e estrutura orixinal.”
Engaden tamén que a obra ten provocado multitude de queixas e protestas de residentes no casco vello do municipio polas molestias que causan os traballos que se están a executar durante a madrugada. Lembran que o viaduto atópase pegado ás vivendas e que as operacións se realizan en horario nocturno de 22:30 a 7:00 horas.
Na súa pregunta a Fomento, a senadora socialista denuncia a situación e demanda información sobre que medidas se van adoptar dende o goberno para garantir a protección do viaduto así como se está previsto paralizar os traballos que se están a realizar e reparar os danos ocasionados.
Pregunta tamén sobre posibles xestións encamiñadas a promover a declaración de Ben de Interese Cultural para o viaduto de Pontevedra.