O acto, organizado pola Concellaría de Cultura terá lugar o vindeiro venres, 26 de decembro, ás 20.00 h, na Sala I do Multiúsos da Xunqueira, e serve para pechar os actos homenaxe en torno a Rita Otero, no ano dedicado a esta muller. A presentación contará coa actuación musical do Cuarteto Altamira, un cuarteto de corda integrado por prestixiosos intérpretes da Filarmonía de Galicia.
Sabela Álvarez Manzano é unha xornalista natural de Vigo, licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pontificia de Salamanca, que na actualidade reside en Madrid. O libro sobre Rita Otero que presenta elaborouno grazas á documentación conseguida a pé de campo en Redondela e entrevistando á xente que coñeceu a Rita Otero Fernández dunha forma próxima e directa. Un labor que fixo por encargo da familia Regojo Otero á que a une un vínculo profesional e amigable a través do súa coautoría, hai xa tres anos, da biografía de Rita Regojo, fundadora de Aldeas Infantís SOS e primoxénita da homenaxeada.