A Concellaría de Cultura organiza un concerto de música tradicional e folk do grupo lugués Os Minhotos, que presentan o seu primeiro traballo discográfico, Pinga d,Auga. O concerto celebrarase o vindeiro sábado, 27 de decembro, ás 20.00 h, no auditorio do Piñeiral do Crego, en Chapela. As entradas pódense adquirir nos multiúsos dende este venres, a un prezo de 5 € (3 € para estudantes e xubiladas).
Os cinco compoñentes deste grupo teñen unha longa traxectoria na música tradicional galega. Tres deles xa coincidiran no grupo Caldaloba. A orixe d,Os Minhotos remóntase a seis anos atrás e nestes anos foron madurando pezas que agora forman parte do seu repertorio e do seu debut discográfico, titulado Pinga D,Auga.
Segundo eles mesmos manifestan, están na música tradicional, entre outras cousas, por un compromiso coa cultura do país e para tentar que non morra ese legado tan importante. O seu traballo, con arranxos cara ao folk e tamén con temas propios, quere ser como unha “pinga de auga que sirva para preparar a terra e os que veñan detrás poidan atopar unha situación diferente á actual”.