As rebaixas de inverno arrincaron a pasada semana na maior parte dos comercios cunha previsión de gasto medio por persoa de entre 60 e 80 euros en Galicia, segundo datos da Confederación Española de Comerci. En Redondela este período de descontos comezou de xeito moi discreto logo dunha campaña de Nadal frouxa.
Os comerciantes esperan unha leve melloría nos resultados de vendas respecto ao ano anterior, cun moderado optimismo. Para algúns establecementos a pasada campaña de Nadal foi algo mellor, outros, pola contra, tiveron un comportamento peor nas ventas. Martina, que rexenta un comercio de lencería na vila, advirte que a afluencia nas rebaixas é escasa nestes primeiros días, e xustifícao en que os redondeláns “acoden primeiro aos grandes centros comerciais”. A campaña de Nadal, para ela, foi mellor que a do ano pasado, pero a costa de adiantar o período de rebaixas, xa que o seu comercio realizou descontos xa antes das festas. A aprobación da normativa que liberalizou os períodos fixo que as campañas de Rebaixas como a de xaneiro quede algo diluída. O comercio de Martina foi un dos que se viu obrigado a adiantar os descontos polas escasas ventas de 2014. Estas ventas axudáronlle a paliar os malos resultados de todo o exercicio, no que a crise económica afectou moito ao pequeno comercio. A elevada taxa de paro e o medo a perder o emprego de aqueles que teñen traballo, leva aos consumidores a reducir o gasto. É o que nos contan veciñas como Pilar, que está no paro, e non vai ir ás rebaixas, xa que se limita a mercar o imprescindible cando o necesita. Tila tampouco é asidua das rebaixas, e explica que só merca aquelo que precisa e evita “mercar por mercar”. Con este panorama a campaña de rebaixas en Redondela preséntase con incerteza, tal como recoñece Fran Peixoto desde a Asociación de Comerciantes, aínda que se augura unha pequena recuperación con respecto ao ano anterior. A liberalización do período de rebaixas deixa total liberdade ao comerciante para iniciar os descontos, aínda que adoita ser nesta época cando os descontos son máis altos. En principio, as rebaixas poderán ofrecerse ata o mes de marzo.