A Unión Comercial de Redondela, promotora do proxecto do Centro Comercial de Vilavella esixirá no xulgado que o concello cumpra cos compromisos acadados polo anterior goberno e que pasan por recalificar os terreos da coñecida como finca de Canabal. Se non chegan a un acordo presentarán unha denuncia por “falsidade, engano e estafa”. Os administradores da promotora investiron seis millóns de euros e segundo explica un dos afectados José Antonio Gómez “non estamos dispostos a tirar con eses cartos porque suporía a nosa ruína, a das nosas familias e a das nosas empresas”.
O investimento realizado neste proxecto dende que arrancara no 2002 é xa millonario. Seis millóns de euros é o que gastaron os sete empresarios redondeláns implicados na iniciativa que nun primeiro momento contemplaba construír un centro comercial de pequenos comercios na coñecida como finca de Canabal e que recentemente se reconvertiu nun proxecto de medianas empresas. Uns cartos que os seus promotores investiron porque contaban, segundo aseguran, co compromiso “por parte do anterior alcalde Xaime Rei, e o concelleiro de urbanismo naquel momento Emilio González manifestado en sucesivos contactos, reunións e comidas de traballo”. Incluso cando estes dirixentes políticos deciden non presentarse aos últimos comicios municipais “nos informan que Eduardo Reguera continuará prestando total apoio ao proxecto e o impulsará”. Por este motivo entenden que o PSOE os traizoou cando, lonxe de apoiar o proxecto chegan a cualificalo “de pelotazo urbanístico”. Conclúen afirmando que “se nos pediu implicación co proxecto, se nos pediu compromiso con Redondela, se nos pediu axuda ao PSOE porque era quen garantía a viabilidade da operación. Logo de cumprir cada un dos compromisos agora nos traizoan e nos levan a ruína”. Ante esta situación anuncian que se non se cumpren os compromisos adquiridos “verémonos obrigados a tomar medidas tan desesperadas como a situación persoal e empresarias que estamos vivindo”.