O secretario xeral dos socialistas locais, Leonardo Cabaleiro nega rotundamente que exista “ningún pacto, acordo ou como se queira denominar coa Unión Comercial de Redondela nin con calquera outra empresa ou asociación do municipio” para recalificar os terreos de Vilavella nos que está previsto construír un centro comercial. Asegura Cabaleiro que “o único pacto ou acordo que ten a agrupación socialista é cos veciños e coa estricta legalidade” e denuncia que tras as acusacións de José Antonio Gómez, un dos promotores do proxecto, “agóchase un intento de desprestixiar a imaxe do PSOE e do seu candidato, Eduardo Reguera”.
As declaracións dun dos representantes da Unión Comercial de Redondela nas que insinúa que o PSOE tería recibido algunha contrapartida por apoiar a recalificación dun terreo en Vilavella para a construcción dun Centro comercial, son entendidas pola agrupación socialistas como un intento “de manchar a imaxe do partido” ante a proximidade dos comicios electorais. O secretario xeral dos socialistas nega a existencia de ningún tipo de acordo e retan a Gómez a que denuncie se tal e como di “se consideran estafados”. Cabaleiro asegura que non teñen nada que ocultar “porque as contas do partido son completamente transparentes”. Recoñece que as declaracións de Gómez están a afectar ao partido e adianta que será a executiva quen valore outras medidas como a posibilidade de “querelarse contra esas persoas que están a manchar a imaxe do PSOE”. Conclúe Cabaleiro advertindo que “a promotora do proxecto de Canabal ou calquera outra empresa debe axustarse á legalidade” e lembra que en tódalas votacións realizadas ata o momento nas que se rexeitou o plan urbanístico para Canabal “o PSOE non votou en solitario en ningunha das ocasións, polo que non entende os motivos polos que se lle solicitan explicacións cando está na oposición, sen responsabilidade de goberno. Se alguén ten responsabilidade é o Partido Popular de Javier Bas”.