Javier Bas comparecerá hoxe no pleno, a peticion de AER, para explicar os problemas que presentan estas instalacións así como os trámites desenvolvidos dende o goberno para o seu arranxo. Unha sesión ordinaria que arrancará ás 20:00 horas e na que se abordarán outros asuntos como a adxudicación do contrato de servizos para a redacción do PXOM, o nomeamento dun espazo público como Praza Rita Otero e unha moción do PSOE para que se prescriba aos enfermos de Hepatite C os novos tratamentos.
O alcalde de Redondela comparecerá hoxe na sesión plenaria para explicar os problemas técnicos e construtivos que está aparecendo no Centro de Deportes Acuáticos de Chapela dende a súa apertura. Unhas explicacións solicitadas pola agrupación de electores que demandan información sobre os pasos dados dende o goberno local para arranxar as pingueiras da cuberta da piscina, o custe de dita actuación e os trámites xurídicos que está levando a cabo o Concello para reclamar eses gastos as empresas construtoras.
Un pleno ordinario o de hoxe no que se abordarán entre outras cuestións o nomeamento dun espazo público como Praza Rita otero. Logo de ser nomeada Persoeira do ano 2014, a Fundación Filomena Rivero propón que se lle dedique á que fora esposa do industrial José Regojo un espazo público que estaría ubicado no treito da rúa Padre Sarmiento, fronte ao Pazo de Petán. A proposta, debatida na comisión de interior, conta co aval tanto do goberno municipal como do PSOE, mentres que o BNG amosou a súa oposición por entender que “non existen argumentos de peso para dedicarlle un espazo público a Rita Otero”. Haberá que esperar esta tarde para coñecer o posicionamento de AER, pero en todo caso parace que a proposta sairá adiante malia as reticencias dos nacionalistas.
Abordaranse tamén dentro da orde do día outras cuestións como a aprobación da adxudicación do contrato do servizo de axuda ao fogar e a adxudicación do contrato de servizos para a redacción do Plan Xeral de ordenación Municipal.
Entre as mocións a debater atopase tamén unha proposta dos socialistas en apoio aos enfermos de hepatite C. Dende o PSOE reclaman o apoio do resto dos grupos para reclamar ao Goberno de España o acceso ás novas terapias para aos enfermos así como instar á Xunta a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes aos que lles sexa prescrita polos seus médicos especialistas de xeito inmediato.
Unha sesión plenaria que terá lugar este xoves ás 20:00 horas.