A Comunidade de montes de Saxamonde denuncia un novo vertido de pneumáticos na senda da auga ao seu paso por esa parroquia. Segundo informan dende a Xunta Rectora desta comunidade foron detectados aproximadamente 70 pneumáticos nas proximidades da Fonte do Preto, preto da área recreativa do Chan das Pipas. Este é o segundo vertido das mesmas características que se produce en tan só 15 días. Fan un chamamento aos usuarios da senda a que acheguen calquera información que poida axudar na investigación iniciada para descubrir aos responsables.
A comunidade de montes, en colaboración coa concellería de medio ambientes e vías e obra procederon xa a retirar os pneumáticos que ata en dúas ocasións se detectaron na senda de auga. Uns vertidos ilegais que constitúen un grave risco para o medio ambiente e un perigo potencial para os propios veciños e usuarios desta senda.
Os comuneiros, a través dun dos responsables da Xunta Rectora, Manuel Barreiro, fan un chamamento a todas aquelas persoas que puideran axudar a descubrir aos infractores para que acheguen calquera información que poida facilitar a investigación xa iniciada para que se poña en contacto ben coa Policía Local ou con calquera outro corpo de seguridade para tentar acabar con estas prácticas tan prexudiciais.