O festival, que se vai desenvolver entre o 23 e o 26 de abril, celebra a súa décimo primeira edición na que presentarán como novidade e fóra de concurso un pase de curtametraxes en tres dimensións. Un programa no que se inclúe tamén a presentación da longametraxe en torno á vida do pintor e restaurador redondelán Angel Barros dirixida por Fernando Carreira Cuchi. O prazo de presentación de traballos para participar no festival remata o 20 de febreiro. Os organizadores contan con superar as 700 curtametraxes que optarán a un único premio outorgado polo público dotado con 1.500 euros.
A falta de que remate o prazo de presentación de traballos hai xa máis de cincocentas curtametraxes “na súa maior parte dramas” segundo explica o director Fernando Carreira Cuchi, quen engade que xa están visionando os traballos para reducir o groso do material recibido a tan só as 16 curtametraxes que entrarán a concurso. Un festival que incluirá a presentación dunha longametraxe documental na que se fai un percorrido pola vida e obra do pintor e restaurador redondelán Angel Barros, un home que logo de emigrar na posguerra chega a traballar como restaurador no museo do Louvre. Non é esta a única novidade, xa que ademais da sección oficial a concurso, este ano ábrese tamén unha sección complementaria coa proxección das mellores curtametraxes en tres dimensións que se están a ver noutros festivais. Os que queiran participar na sección oficial terán que presentar curtametraxes que oscilen entre os 4 e os 30 minutos, só se aceptarán os xéneros de ficción que foran producidas despois do 1 de xaneiro de 2013. O prazo de presentación de traballos remata o 20 de febreiro. As bases pódense consultar na páxina web do festival www.redondelaencurto.com