O equipo de Chapela, que milita por primeira vez en categoría autonómica, participa na Liga Galega Norte. O presidente e xogador, Iván Vázquez, lamenta que perderan algúns puntos “por falta de experiencia”, pero está satisfeito porque ocupan a sétima praza do grupo e o obxectivo da salvación está cumprido.
O equipo pelexa “desde o primeiro ata o último minuto” en todos os encontros. Na pasada xornada, malia dominar boa parte do encontro na pista do Ventorrillo e ter ocasións claras, escapóuselles o partido, que rematou 4-3. Con todo, malia os longos desprazamentos e as numerosas lesións ás que teñen que facer fronte, están situados na metade da táboa. Desde unha cómoda posición na sétima praza do grupo o obxectivo da permanencia está practicamente cumprido. Deste xeito teñen garantida a súa participación a próxima temporada na Liga Galega Sur, onde esperan compartir calendario cos outros dous equipos locais da categoría: o Redondela F.S. e o Campito F.S. Para seguir sumando puntos contan co apoio da súa afección, incondicional tanto na casa como nos desprazamentos. O seu próximo rival é o Outeiro de Rei, un dos equipos fortes do grupo, actualmente na cuarta praza. No partido de ida impuxéronse no seu terreo. Vázquez Figueroa confía en que cambien as tornas en Chapela e poder ofrecer unha vitoria á afección. O partido será o domingo ás 12.00 horas no pavillón municipal de Chapela.