As celebracións do Entroido organizadas pola Concellería de Festas arrancarán coa colocación do meco que a partir do venres se poderá ver xa no balcón da casa consistorial. As actividades principais centraranse no desfile de comparsas o domingo e a queima do meco e verbena na xornada do martes, día no que haberá tamén actividades para os máis pequenos. Este ano o concello colaborará tamén na Queima do Berete o sábado 21 en Chapela.
Xa está todo preparado para a celebración do Entroido en Redondela, agora só resta que o tempo acompañe. Malia que os prognósticos non son moi optimistas de cara ao domingo, dende a concellería de festas confían en que as chuvias non impidan o desfile de comparsas previsto para as seis da tarde do vindeiro día 15, con saída dende o Campo da feira e posterior percorrido polo casco urbano As actividades máis participativas terán lugar o martes con citas tamén para os máis pequenos. A partir das 16:30 horas haberá animación infantil con obradoiros de máscaras, maquillaxe e globoflexia na Praza da Constitución e actuación da orquestra infantil Las Pamisuky. A música dos Charamujas porá tamén ritmo a unha tarde na que todos os que vaian disfrazados poderán tamén recibir algún premio dentro do concurso de disfraces que organiza o concello. A xornada continuará co espectáculo da queima do Meco a partir das 19:30 e a actuación da orquestra Solara na praza de Ribadavia. Na vindeira semana a programación desprazarase a Chapela con actividades para os nenos o venres e Enterro do berete o sábado.