Jessica García, unha moza de Galiza Nova de tan só 21 anos será a segunda na lista que o BNG presenta ás vindeiras eleccións municipais e que encabeza Xoan Carlos González. O sector do mar contará co seu representante no número tres, Anxo Lusquiños. Completan esta lista nos seus primeiros postos Ana Santomé (Trasmañó), Roi Grande (Chapela), Pilar Sotelino (O Viso) e Roberto Cabaleiro (Rande-Cedeira).
O BNG de Redondela ven de dar a coñecer a lista coa que concorrerá ás próximas eleccións municipais cunha candidatura “paritaria, renovada e na que se da cabida a representantes das diferentes parroquias”. Así o explicaba o candidato Xoán Carlos González quen salientaba tamén o feito de que estean representados diferentes sectores “todos eles afectados pola crise directamente: o mar, o metal ou os traballadores do sector público”. Unha renovación “nas caras pero non nas ideas, xa que son persoas todas elas que acreditan e traballan no proxecto de país defendido dende sempre polo BNG”. A lista nacionalista conta no seu número dous cunha moza de Galiza Nova de tan só 21 anos, Jessica Garcia sendo o terceiro da lista un home vencellado co sector do mar Anxo Lusquiños. A funcionaria e sindicalista Ana Santomé ocupa o posto número catro, seguida do traballador do metal Roi Grande Babarro. Pilar Sotelino, veciña do Viso é a única non militante que se cola nos primeiros postos da candidatura. No número sete atopamos a Roberto Cabaleiro, da Asociación Cultural de Rande. O número un do Bloque amosou o seu convencemento de que a lista que presentan “pode encabezar un goberno alternativo ao PP en Redondela”.