Logo de tres xornadas sen coñecer a vitoria, os homes de Julio Mougán busca esta fin de semana na bomboneira un triunfo sobre o Baíña. Os redondeláns queren seguir sumando para non descolgarse dos postos de cabeza logo de caer á cuarta posición da táboa.
As derrotas diante do Autos Leirós e Campito, e o empate co Cafetería Luar, deixan ao Redondela F.S. sen marxe para o erro. O obxectivo agora e regresar á senda do triunfo, e Mougán confía na capacidade dos seus xogadores para “adaptarse á situación” e pelexar por rematar o campionato o máis arriba posible. O técnico advirte que o “compromiso e o traballo semanal están garantidos” por parte do equipo. O sábado mídense no Pavillón Municipal de Redondela ao Baíña, equipo situado na parte baixa da táboa, nunha situación complicada, e que suma só 19 puntos, a metade que o conxunto redondelán. Pero para os locais non son suficientes argumentos como para afrontar o partido con confianza. Mougán lembra que hai dúas xornadas os de Baiona puxeron contra as cordas ao Talleres ABC Vigo, vixente campión, o que demostra que a liga está moi igualada. Por iso sairán á pista de Redondela “ao cen por cen”, nun partido que se disputa o sábado ás 16.15 horas.