O coordinador comarcal e secretario de organización de Esquerda Unida en Galicia Rubén Pérez, nega rotundamente que a asemblea local en Redondela cesara na súa actividade tal e como anunciara Roberto Villar, cabeza visible da formación ata o pasado luns cando presentou a súa renuncia alegando falta de entendemento coa executiva nacional. Explica Pérez que só se produciu a baixa de tres militantes que abandonaron o partido “por intereses persoais” e que a formación seguirá funcionando no noso concello cunha xunta xestora.
De cara aos comicios municipais de maio EU anuncia que vai estar presente coas súas siglas, aínda que descoñece si o farán reeditando o pacto de AGE, tal e como se está a facer no resto de Galicia, ou a través dunha candidatura de unidade popular. Entende que esta fórmula podería dar resposta a unha situación tan particular como a que se presenta no concello de Redondela. En todo caso, serían os seus militantes os quen terían a última palabra. Ata chegar a ese momento será unha xestora a que pilote o proceso, un proceso que inclúe tamén abrir unha vía de negociación con AER. Segundo explicou Rubén Pérez “a executiva nacional de Esquerda Unida vai solicitar de forma inmediata unha xuntanza coa Agrupación de electores para falar de xeito construtivo dun posible proceso de converxencia entre as dúas forzas”. Un dos nomes que se barallan para dirixir a agrupación local é o de Óscar Benavides, quen xa fora coordinador da formación en Redondela.