Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco suma un punto ante o Arousa nun final de partido de infarto cunha remontada heroica

RR_Noticias

O Choco conseguiu sumar un punto “in extremis” cando o partido parecía decidido co 0-2 a falta de dez minutos para o final. Pero os goles de Félix e Comis igualaron a vantaxe do Arousa. O empate foi festexado en Santa Mariña coma se fora unha vitoria, xa que o punto conquistado permítelles manterse na zona nobre da clasificación e aspirar á fase de ascenso.

Terceira División
Choco 2-2 Arousa
Os nervios pola importancia do encontro, entre dous rivais directos da parte alta da táboa, deixáronse notar no inicio do partido, con moitas precaucións. O Choco dominou o balón na primeira media hora de xogo pero sen crear excesivas nin claras ocasións de gol. Os visitantes, pola súa banda, lograron o máximo premio ás súas ocasións cando Adrián Camiño, ao fío do descanso, recolleu un balón escorado na frontal e puxo a pelota na escuadra da meta defendida por Cortegoso.O Choco dixeriu o golpe recibido no intermedio e saíu disposto a equilibrar de novo o partido pola vía rápida. Outra internada pola banda de Yago volveu deixar a Silva en boa posición para logralo, aínda que o seu remate, moi centrado, acabou nas mans de Lucas. Mentres, unha falta lateral permitía a Rivas incrementar a renda do Arousa e pór o partido moi costa arriba ao conxunto de Jacobo Montes (0-2, min.60). Pero o Choco sacou forzas de fraqueza nos últimos dez minutos e unha mala cesión permitiu a Félix meter a punta da bota para espertar aos seus (1-2, min.83).O gol deu forza aos locais en busca dun empate que chegou noutra nova acción de Yago, que puxo o balón esta vez para Hugo, aínda que a pelota acabou nos pés de Comis para que lograse o 2-2. O empate permite ao Choco manterse na 6ª praza, empatado co 5º, que é o Ribadumia, e a tan só un punto das prazas que xogan a fase de ascenso. O domingo terán outro duelo de alto nivel, será no campo do Órdenes, na 7ª praza, co que están empatados a puntos.
Goles: 1-0, min 45 (prolongación): Adrián Camiño; 0-2, min 60: Rivas. 1-2 min 82: Félix. 2-2 min 87: Comis.
Árbitro: Sergio Espasandín Cores, do Colexio da Coruña, auxiliado por Eduardo Rodríguez Penas e Manuel Carreira Parrado. Amoestou con cartóns amarelos aos xogadores locais Hugo Sanmartín e Silva; e a Juanjo, Vixo e o seu adestrador, Pisces, polo Arousa.
Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Saúl, Lucas, Carminati, Fernando, Pablo Piñeiro (Gonza, min 53), Xosé Ramón (Comis, min 66), Félix, Hugo Sanmartín, Diego Silva
Arousa: Lucas, Juanjo, Álex Freire, Martín, Juan Rodríguez, Rivas, Eloy Fariña (Nano, min 79), Pablo Vázquez (Vixo, min 72), Quique Cubas, Adrián Camiño e Iago Pérez (Santi, min 92)
Segunda Autonómica

Choco B 3-2 A Guía
O filial do Choco escalou ata a 2ª praza da táboa logo da vitoria sobre A Guía. Os redondeláns están en postos de promoción aproveitando os tropezos de San Miguel e Lavadores. Están a dous puntos do líder, o Nigrán. A próxima fin de semana teñen xornada de descanso.
Bueu 2-1 Arcade
O Arcade foi inferior na primeira metade, e tentouno na segunda, pero sen sorte. Os goles de Javi e Pidris adiantaron aos do Morrazo, e achéganos á salvación, mentres o Arcade se afunde na metade baixa da táboa.
Terceira Autonómica

Pontecaldelas 4-1 Cesantes
Os redondeláns perderon por goleada en Pontecaldelas nun partido no que os anfitrións deron mostras da súa superioridade. Na próxima xornada o Cesantes recibe ao C.D. Sotomayor, 8º do grupo.
 
Peña Beretes 2-2 San Roque
No grupo 16 comezou a terceira volta con empate para o Peña Beretes. O Chapela descansou, na próxima xornada o Chapela (3º do grupo) recibe ao Balaídos (4º), e o Peña Beretes ten un difícil encontro xa que xoga no campo do Miño, 2º da táboa.
No grupo 17 comezou tamén a terceira volta con descanso para o At. Vilar, que na próxima xornada recibe ao Castelo, polo que se medirán o 5º e o 6º clasificado do grupo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará