Axentes da Garda Civil detiveron o pasado luns a catro persoas, tres homes e unha muller, veciños de Chapela, de entre 21 e 44 anos, como presuntos integrantes dun grupo especializado dedicado ao roubo con forza en estancos e outros establecementos públicos en Galicia e León.
A denominada Operación Xarda iniciouse hai catro meses para o esclarecemento dos números roubos de tabaco en estancos detectados en varias provincias galegas e nalgúns establecementos de León. Accedían aos locais despois de forzar a porta de entrada, para o que utilizaban distintas ferramentas, e mesmo, gatos hidráulicos no caso de que os establecementos estivesen protexidos por reixas exteriores. As detencións producíronse en Redondela tras o último roubo levado a cabo por este grupo especializado, nun estanco da Peroxa (Ourense). Os axentes, no momento das detencións, incautáronse dun total de 1.400 paquetes de tabaco de diferentes marcas, numerosa ferramenta e efectos empregados na comisión do feito e do vehículo no que se desprazaban para cometer os roubos. Así mesmo, os axentes realizaron un rexistro no domicilio onde residía un dos detidos, no que recuperaron outros efectos relacionados cos feitos que se investigan. Os investigadores puideron comprobar que os agora detidos, distribuían o tabaco roubado no mercado ilícito, no que obterían “un gran beneficio económico dado a súa intensa actividade delituosa e a ampla zona na que cometían as súas accións”, resaltou a Garda Civil. Aos arrestados atribúeselles a autoría de sete roubos cometidos nas provincias de Lugo, Ourense, Pontevedra e León. Os investigadores analizan na actualidade a súa posible participación noutros feitos similares acaecidos en toda a Comunidade galega. A operación continua aberta e os axentes non descartan novas detencións relacionadas con estes roubos. Mentres, os detidos até a data pasarán nas próximas horas a disposición do Xulgado de Instrución Número 2 de Ponteareas.