A charla divulgativa correrá a cargo da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra e está organizada pola Concellería de Cultura en colaboración coa Asociación Amigos das bibliotecas de Redondela. Na mesma falarase entre outras cuestións de como ver a eclipse do venres 20 de marzo, un ocultamento solar que comezará ás 9:04 e chegará ao seu momento máximo ás 10:07. A charla de hoxe mércores terá lugar ás 20.30 h, na Casa da Cultura.
A Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra será a encargada de conducir o acto, que contará coa intervención de Angel Valverde, Mariano Gilsanz, Juan Carlos Asensi e Severino Yáñez, todos eles integrantes desta asociación creada para practicar a observación astronómica coas persoas asociadas e mais para divulgar a astronomía entre a poboación en xeral.
Na charla e abordaranse distintos aspectos indispensables para entender e gozar do extraordinario espectáculo que é unha eclipse de sol: en que consiste unha eclipse, importancia e historia destes fenómenos, descrición dos mecanismos polo que se producen e que dan orixe aos distintos tipos de eclipses de sol. Ademais, nesta ocasión, describirannos concretamente o que se verá na eclipse do próximo 20M dende Pontevedra, e os medios que se poden empregar para observar, de forma segura, estes fenómenos..