A polémica obra do muro de Cesantes provocou un acendido debate logo de que o colectivo veciñal reclamara a paralización da obra por entender que a actuación pode ser prexudicial para a praia. En medio do rifi-rafe a asociación decidiu convocar unha asemblea para dar explicacións sobre estes e outros temas e coñecer se contaban ou non co apoio dos socios. O seu presidente Fernando González amosa o seu agradecemento aos veciños logo de que tan só 7 rexeitaran a xestión que está a desenvolver a actual directiva.
A Asociación quere agora poñer en “orde todo o papeleo para evitar calquera irregularidade” logo de que asumiran a directiva tras a dimisión do anterior presidente José Antonio Sánchez. Esa é a súa prioridade a curto prazo logo de aclarar na reunión cal era o seu posicionamento en torno ás polémicas obras do muro “os veciños non estaban ben informados sobre a situación, xa que a nosa postura foi que se faga ese muro pero que sexa respectuoso co medio tendo en conta que afecta a un espazo tan sensible como a praia”. O seguinte paso nese sentido, ante a negativa do Concello de convocar de xeito extraordinario o consello parroquial, é agardar a resposta que dan dende a Xunta e tamén dende Europa “para adoptar as medidas que sexan oportunas”. Os efectos destas obras preocupan pola súa repercusión estética, medioambiental e tamén económica, polos prexuizos que poidan causar nos bancos marisqueiros. Están moi pendentes agora da terra e os cascallos que se amontoan ao carón do muro “foi unha decisión adoptada por biólogos e xeólogos pero tememos os efectos que poidan ter sobre a supervivencia do marisco”.