A Asociación cultural recupera unha vella reivindicación do colectivo e estes días está a reunirse cos diferentes partidos políticos para lles presentar un proxecto, elaborado pola empresa Acitania, no que se establecen as bases para a creación dun Museo de historia e antropoloxía de Redondela e bisbarra (MUDHAR) que serviría para recuperar e divulgar o noso patrimonio material e inmaterial O 9 de abril farán unha presentación pública no Multiusos da Xunqueira.
A “Casa dos Mestres” na Avenida Mendiño, unha edificación con baixo e dous andares, neste intre abandonada e en perigo de ruína sería o lugar elidido por Alén Nós para albergar este Museo. Gonzalo Balo explica que é unha cuestión de “vontade política” que esas casas poidan ser recuperadas para albergar distintos equipamentos, entre eles este museo. Un espazo que debería ser rehabilitado para amosar contidos varios en torno a diferentes apartados: a xente e o territorio (as persoas, a ría e o camiño), a historia (prehistoria e historia antiga, época medieval, época moderna e contemporánea), a memoria do mar (oficios e industria, tradicións), a memoria da terra (oficios e industria, tradicións), Redondela a terra das mil festas (a Coca e o Corpus, os títeres, os Maios, o choco, o Entroido, as curtametraxes, os fachos). Unha propostas suxeita a modificacións pero que a base sobre a cal asentan este proxecto, segundo nos explicaba un dos seus promotores Andres Laxe. Habería que facer tamén un traballo de recuperación de colección etnográficas privadas na meirande parte dos casos infravaloradas e gardades en precarias condicións de almacenaxe que poñen en risco a súa desaparición. Precisamente iso é o que lles pasou con boa parte do material que obraba no poder da asociación. Contan aínda con algúns elementos recuperable e que poderían integrar ese futuro museo. Coa creación do Mudhar, un museo de antropoloxía e historia, preténdese a promoción e divulgación de Redondela, así como a defensa do seu patrimonio cultural, co obxectivo final da súa rendibilidade social, unha iniciativa que viría completar accións recentes como a posta en valor do xacemento arqueolóxico de Monte Penide/Mirallo e a creación do Centro de Interpretación da Batalla de Rande. Alén Nós espera obter o compromiso dos partidos políticos para que inclúan dentro dos seus programas electorais a creación deste Museo.