A retirada dunha pedra que no pasado sostiña os postes que levaban a electricidade a San Simón foi recibida con incredulidade por parte de veciños e incluso partidos políticos. Pouco despois de que se dera a coñecer que desaparecera do areal de Cesantes o último dos elementos deste patrimonio histórico, unha pedra que antigamente servía de soporte para o poste da electricidade que daba servizo a Illa e que se atopaba na zona do Loureiro, as críticas non se fixeron esperar.
Dende a Asociación de Veciños a través das redes sociais xa manifestaron o seu malestar por esta actuación da que non foron informados nin consultados previamente.
Pola súa banda, o PSOE emitiu un comunicado no que lembran a relevancia destas columnas de pedra “por formar parte dun dos capítulos máis importantes da nosa historia”. Uns elementos que polo seu uso no pasado como encargados de soster os postes eléctricos que levaban a luz a San Simón “son elementos de incalculable valor histórico e unha peza de museo instalada no medio do areal”.
Os socialistas amosan a súa incredulidade ante esta actuación e pregúntanse si responde “a que os nosos xestores non coñecen a súa historia ou o que sería aínda máis grave, si a pesar de coñecela deciden eliminar o seu rastro sen ter consultado con ninguén”.