Os integrantes da compañía redondelá Tanxarina están de parabéns logo de recibir o seu último espectáculo o recoñecemento da profesión co premio María Casares ao mellor espectáculo infantil. Uns premios que se entregaban onte na Coruña e no que o espectáculo Complexo de II maquinario foi o gran vencedor logo de colleitar cinco premios.
Por primeira vez os Premios de Teatro María Casares incluían dentro do seu palmarés a categoría de mellor espectáculo infantil, un galardón que serviu para distinguir a última proposta ideada polos integrantes de Tanxarina Eduardo Rdguez. Cunha “Tatán”, Miguel Borines e Andrés Giraldez que apostaron nesta ocasión por lles falar aos nenos de temas reais, abordando concretamente a problemática dos desafiuzamentos. “A casa do avó” recolle unha serie de divertidas aventuras a través das cales lles achegan aos máis pequenos esta problemática nunha obra dirixida por Cándido Pazó Un neno recibe o aviso de que o seu avó vai ser desaloxado da súa casa embargada por un banco. O neno pon en marcha un plan para axudar aos seu avó e dispárase un mundo de pequenas e divertidas aventuras nun encontro entre o cómico e o poético. Outro xeito de falarlles aos máis novos da realidade e dos desafiuzamentos nunha obra orientada ao público familiar a partir dos seis anos e na que os membros de Tanxarina volven arriscar con novas técnicas cunha mestura de traballo actoral, corpóreos e siluetas movidas por fíos.