Un usuario que realice 40 viaxes mensuais pagará 40 céntimos polo billete entre Vigo e Redondela. O resto pagarán 85 céntimos por facer este traxecto. Iso si, os veciños que queiran beneficiarse destas rebaixas terán que facerse cunha tarxeta prepago que terá un valor de 2 euros e que só se poderá adquirir nas oficinas de Abanca previsiblemente a mediados de abril.
A Xunta mantén o compromiso de que os beneficios e rebaixas nas liñas de transportes comecen a aplicarse a finais de abril “a falta tan só de resolver pequenas cuestións técnicas”. Así o explicou na mañá de hoxe en Redondela a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, quen fixo unha demostración práctica de como recargar as tarxetas de Abanca e como empregala logo para abonar o custe das viaxes no autobús. Os seus titulares beneficiaranse dunha rebaixa que permitirá pagar 85 céntimos polo traxecto entre Vigo e Redondela, rebaixa que abaratará o billete ata os 40 céntimos para aqueles que realicen máis de 40 viaxes mensuais. No caso de carecer desta tarxeta e pagar o billete en efectivo, o usuario terá que abonar 1,50 céntimos polo que toda persoa que empregue o autobús aínda que sexa esporadicamente interésalle facerse cunha tarxeta de transporte que ademais carece de caducidade “os cartos que sexan recargados na mesma permitirán seguir facendo viaxes ata que se esgoten”. O alcalde Javier Bas salientou que en breve este proxecto estará xa en marcha e lembrou que o plan de transporte irase complementando no futuro con novas liñas coas parroquias para favorecer os desprazamentos dos veciños. Segundo dixo “hai conversas coa empresa Autos González neses sentido para potenciar o transporte interparroquial con novas liñas e máis frecuencias”.