O terreo, tamén coñecido como finca da Ginaria, dispón dun espazo de 34.000 meros cadrados que será destinado a albergar ademais do colexio outras infraestruturas como a tan demandada gardería. A concesionaria Audasa será a encargada de financiar a construción do novo colexio e comprométese ademais a garantir o benestar dos rapaces que continuarán asistindo ás clases no colexio Igrexa mentres non sexa rematado o novo centro. O goberno garante que o alumnado non será diseminado e que se aplicarán medidas correctoras para asegurar o bo desenvolvemento da actividade docente mentres duren as obras.
O pleno ordinario celebrado o pasado martes apoiou por unanimidade o convenio con Audasa polo que a empresa concesionaria da autoestrada comprométese a adquirir o denominado “polígono de autoestradas” e construír alí o novo centro escolar que albergará aos rapaces que actualmente estudan no colexio Igrexa, edificio que será demolido por estar afectado pola ampliación da AP-9.O novo centro escolar debería estar construído no prazo máximo de 24 meses, nunha parcela de 34.000 metros cadrados que será destinada polo concello a uso dotacional e na que previsiblemente se construirá tamén a gardería.O acordo plenario supón dar luz verde a un convenio que servirá para garantir que o alumnado deste centro educativo non sexa diseminado por diferentes colexios. A empresa Audasa comprométese tamén a adoptar medidas de seguridade especiais na contorna do colexio en canto arranquen as obras e instalar barreiras contra o ruído. Asemade, outro dos compromisos pasa por adaptar os traballos aos períodos vacacionais escolares, para minimizar na medida do posible os prexuizos que as obras poidan provocar no desenvolvemento das clases.