Os homes de Fran Teixeira fixéronse co triunfo ante a SAR Plastic Omnium no derbi disputado a pasada fin de semana no Pavillón Municipal de Chapela (26-21). Pero tiveron que empregarse a fondo, porque os de Carlos Rey fixeron gala do seu gran nivel, e as alternancias no marcador foron continuas ata o descanso.
A vitoria mantén ao Castro Chapela a tres puntos dos postos de “play off” a tan só tres xornadas para que remate a liga, mentres que a SAR queda xa se opcións. No club de Chapela son conscientes de que clasificarse para o sector será “practicamente imposible”, xa que non dependen só de si mesmos, senón tamén do tropezo de At. Novás e Seis de Nadal, o que ao adestrador, Fran Teixeira, se se antolla “moi pouco probable”. Con todo, non renuncia a seguir tentando o obxectivo ata o final. Para iso terán que superar aos tres rivais que teñen por diante nesta recta final da liga. O sábado viaxan a Lavadores para xogar fronte ao Cinco Jotas, que se xoga a permanencia, logo reciben na casa ao pechacancelas, o Poio Artai, para rematar logo a liga en Lalín.