Un libro de Olimpio Giráldez Lera recolle a evolución da festa dos Maios dende o seu inicio na década dos 50 ata a actualidade. “60 anos de crónicas redondelás. Unha ollada no tempo a través das coplas dos Maios” é o título desta publicación que se presenta este mércores 22 ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira.
Logo de máis dun ano traballando intensamente, Olimpio Giráldez presenta mañá esta publicación na que fai un percorrido por 60 anos de historia dunha festa moi nosa que nos serve para coñecer o acontecido no concello nestas últimas décadas. As referencias iniciais que atopamos no libro datan dos seus primeiros recordos en torno a esta cita festiva aló polo 1957. Uns primeiros anos marcados pola censura onde os participantes tiñan que recorrer a todo o seu enxeño para evitar un férreo control que non aceptada coplas de carácter político, estabamos en plena dictadura franquista, nin tampouco aquelas que se consideraba que atentaban contra preceptos morais ou mesmo as que contiñan palabras malsoantes. A partir desa data recompila coplas e anécdotas, feitos históricos de ámbito local como o tan coñecido caso do aceite de Redondela coa desaparición de miles de litros de aceite de oliva no ano 1972 ata o atentado das Torres Xemelgas pasando polo asasinato de Carrero Blanco. Recolle tamén datos curiosos como que nalgún ano non houbera premiado “pola mala calidade das coplas presentadas” ou aqueles anos 80 no que os rapaces participantes para facerse coas subvencións concedidas presentaban numerosos Maios “chegándose a superar a cifra dos 60, cando actualmente preséntanse tan só 15”. Un texto elaborado a partir de documentación propia, xa que como gran afeccionado a esta festa tiña no seu poder coplas, carteis e imaxes das diferentes celebracións, pero no que inclúe tamén outras documentación recompilada das colección particulares doutros veciños. A presentación do libro terá lugar mañá mércores no Multiusos, un espazo que alberga tamén estes días una exposición fotografías que reúne imaxes antigas da festa e que proceden do arquivo audiovisual creado pola Concellería de Cultura. A mostra pódese visitar na sala 2 do Multiusos ata o próximo 4 de maio.