O equipo redondelán superou ao Bergantiños e consolida a cuarta praza da categoría, que permite disputar o “play off” de ascenso. O próximo rival, o Ribadeo, que é ademais o seu inmediato perseguidor, queda agora a catro puntos de distancia.
Terceira División
Choco 3-2 Bergantiños
O Choco demostrou onte a súa grandeza, fíxoo impoñéndose a un dos seus rivais directos malia quedar en inferioridade numérica na primeira media hora de xogo e ir por detrás no marcador. O equipo de Jacobo Montes fíxose coa posesión durante os primeiros minutos de partido, pero atopouse un rival incómodo, coa defensa moi pechada, que quería aproveitar a velocidade de Ekedi. Nos primeiros dez minutos do partido o dianteiro visitantes tivo dúas ocasións, e na segunda superou cun remate elevado a Cortegoso. Pero as malas novas continuaron para o Choco porque, pasada a media hora de xogo, Xosé Ramón chegou tarde a un cruce e derribou a un contrario cando era o último xogador. Cartón vermello directo e inferioridade para o Choco. Os redondeláns salvaron o partido nun remate de Ekedi tras un saque de esquina que rematou no longueiro. En inferioridade, o equipo de Redondela só pensaba en chegar ao descanso para reformular o partido, cando, no último minuto, Hugo protagonizou unha xogada na frontal para conectar un balón cruzado que superou a Brais. Co empate chegarían ao descanso, o que daba moita tranquilidade ao Choco. Cun home, Jacobo Montes levou ao equipo un paso atrás. O Bergantiños, ante un rival pechado, xa non estaba tan cómodo. O Choco soubo aproveitar a situación e controlou o partido. Logo dun roubo de Silva, internada e pase atrás cara Hugo, que foi derribado á hora de facer o remate. O colexiado pitou penalti e expulsión. Silva transformou o que sería o 2-1, e con igualdade numérica sobre o campo, o equipo redondelán foi superior para pechar o partido por medio de Aitor Gómez. Xa no minuto 90 Roberto Piñeiro anotaría para o Bergantiños o 3-2 definitivo. O Choco sacou o máximo rendemento á xornada, porque amplía a súa renda co Ribadeo, o seu inmediato perseguidor, a catro puntos. E só faltan tres xornadas. O soño de disputar a promoción de ascenso é cada vez máis real.
Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Saúl, Lucas, Carminatti, Fernando, Comis, Xosé Ramón, Félix (Gonza, min. 72), Hugo (Rober, min. 83), Silva (Aitor Gómez, min. 83).
Bergantiños: Brais, Borja, Aarón, Álex Canedo, Sergio (Germán, min. 76), Toni, Moreira, David García, Eri, Vilariño (Roberto Piñeiro, min. 22), Denis (Astray, min. 64).
Goles: 0-1, min. 9: Ekedi; 1-1, min. 44: Hugo; 2-1, min. 60: Silva; 3-1, min. 70: Aitor Gómez; 3-2, min. 90: Roberto Piñeiro.
Árbitro: Saúl López. Expulsou con cartón vermello directo a Xosé Ramón (min. 34)e a Borja (min. 59). Amosou cartón amarelo Yago Vázquez, Saúl e Comis polo Choco e a David García e Denis polo Bergantiños.
Segunda Autonómica
San Miguel 0-1 Choco B
O filial do Choco mantense na segunda praza do grupo, a tan só dous puntos do líder, o Nigrán, e aumenta a súa vantaxe con San Miguel e Lavadores, que están agora a 7 puntos. O seu próximo rival será o Vilariño, da parte baixa da táboa.
Arcade 2-1 Vilagarcía
O Arcade foi quen de superar ao Vilagarcía e acada unha importante vitoria para seguir pelexando pola permanencia, con moitos arrastres de categorías superiores este ano. Na próxima xornada xoga no campo do S. Martín, da parte alta da táboa.
Terceira Autonómica
Casablanca 0-9 Chapela
O Chapela foi moi superior en todo momento, o que se reflicte no resultado. O equipo redondelán, que marca o ascenso directo, avantaxa ao Miño en 7 puntos, a falta de catro xornadas para o final.
Peña Beretes 0-3 Balaídos
O Peña Beretes non foi quen de facer fronte ao Balaídos, que foi superior ao equipo redondelán.
Covelo 0-1 Vilar
O Vilar superou ao Covelo, penúltimo clasificado, pola mínima. Os redondeláns manteñen a 5ª praza
Cesantes 2-1 Marín
O Cesantes consegue un pequeno respiro logo de impoñerse ao Marín. E fixérono de xeito heroico, logo de comezar o partido con só dez xogadores, polas baixas, e quedar con nove por expulsión. Con todo, foron superiores ao Marín, situado un posto por baixo dos redondeláns, e gañaron. Máis difícil o terán na próxima xornada. Xogan no campo do At. Estación, quintos do grupo.