Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O novo goberno deberá acometer a recuperación da toponimia local

RR_Noticias

Todos os grupos presenten na corporación apoiaron a proposta de Alén Nós encamiñada a corrixir todos os erros cometidos na rotulación de Reboreda así como a elaborar un estudo e posterior recuperación da toponimia do resto das parroquias do Concello. Os grupos da oposición criticaron a política toponímica desenvolvida dende o goberno local nos últimos catro anos, que o BNG chegou a cualificar de “calamitosa”. O PP amosou o seu apoio a unha proposta que non executou nos catro anos de mandato “para evitar prexuízos aos veciños con novos cambios de dirección”.

O concelleiro de Interior Arturo González asegurou que o seu grupo está a favor de que se acometan os cambios e correccións necesarios para recuperar a toponimia pero que malia as continuas peticións de Alén Nós dende o inicio do mandato para que se realizaran estas modificacións “non foi posible logo de decatarnos de que existían algunhas voces en contra de novos cambios nunhas direccións que xa foran modificadas no 2005”. Unhas explicacións que chegaban logo de que Andrés Laxe, en nome de Alén Nós, dese lectura a moción na que instaban aos grupo da corporación a dar o seu apoio para “recuperar o inmenso patrimonio inmaterial que supón a toponimia de cada lugar, barrio e parroquia” e criticaban que logo de catro anos de reunións cos responsables do asunto no goberno local non se tiveran adoptado medidas encamiñadas a recuperar a toponimia. O BNG votaba a favor da proposta porque en palabras do edil Xoan Carlos González “perder ese patrimonio sería como perder a esencia de país” e engadía que a moción de Alén Nós “é unha crónica do goberno local onde todos son promesas para quedar ben e logo non facer absolutamente nada”. Dende o PSOE, o seu voceiro Eduardo Reguera facía autocrítica “xa que foi no noso mandato cando se fixeron algunhas rotulacións que presentan erros” pero aproveitaron tamén para criticar “que en catro anos o goberno do PP non fixera absolutamente nada”. Dende AER aplaudiron a iniciativa e insistiron na necesidade de que o próximo goberno asuma a responsabilidade de facer as correccións necesarias contando cos veciños e provocando os menos quebrantos posibles. A proposta aprobada por unanimidade e que queda en máns do goberno que saia dos próximos comicios municipais pasa porque se acometa de xeito inmediato a corrección de todos os erros detectados na parroquia de Reboreda e que implica retirar aqueles letreiros nos que camiños ou lugares está incorrectamente identificados así como corrixir aqueles outros nos que se teñen cometido graves erros no traslado do nome orixinal ao que finalmente aparece no rótulo. Demandan tamén que este traballo de corrección se leve a cabo en todas as parroquias do concello “previa elaboración dun estudo en cada unha delas por parte da xente competente ao respecto”.

Andrés Laxe Alén Nós
Foi o encargado de ler a moción
Arturo González PP
Defendeu que non se fixera nada ante a necesidade de chegar a acordos previos cos veciños para evitar prexuizos
Eduardo Reguera PSOE
Fixo autocrítica pero tamén recriminou aos populares que non fixeran nada en 4 anos
Xoan Carlos González BNG
Cualificou o proceder do PP neste asunto de calamitoso
Alfonso Blanco AER
Reclamou que o vindeiro goberno proceda con moita cautela para minimizar prexuizos

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará