Os socialistas denuncian unha “tesoirada” nas distintas partidas de servizos sociais que ou ben se reducen notablemente ou directamente non se executan. Critican que Jaiver Bas e o seu equipo “presuma de contas municipais despois de ter recortado en partidas prioritarias para os veciños sobre todo en servizos sociais”.
O concelleiro socialista Leonardo Cabaleiro pon como exemplo desta situación o acontecido con partidas como a de emerxenica social na que estaban orzamentados 60.000€ e só investiron 20.000€. O mesmo sucede no comedor escolar para financiar o uso deste servizo ás familias máis necesitadas, unha partida onde quedaron case 14.000 euros sen destino.
“O suposto superávit económico de Javier Bas chega a esquecer todas as axudas sociais, recortes e máis recortes que se repiten cada ano. Sen dúbida, o balance en materia social neste mandato está en números vermellos, tan descarado como que a partida de inclusión social na que orzamentaron escasos 4.000 euros e investiron cero”, expresou o concelleiro socialista quen engadiu que “cada ano dende o comezo, o Partido Popular deixa máis dun 30% do orzamento de servizos sociais sen executar”.
Outro dos capítulos nos que se fundamentan as cifras do PP é o das partidas do Plan Marisma Mais e “véndeno como se fora un logro, cando realmente foi unha perigosa improvisación. Non gastaron os cartos porque renunciaron a 3 das 7 actuacións proxectadas no plan FEDER, o Centro de día de Trasmañó que tiña orzamentado 553.620€, acceso e acondicionamento da zona da fortaleza de Rande (64.500€) e o paseo peonil de Chapela (147.000€)” continúa Cabaleiro “e das obras que fixeron, non as levaron adiante no prazo previsto, como debería ter sido” concluiu Cabaleiro.