A Festa do Choco acolle na súa programación unha cita deportiva escolar que se vai desenvolver na mañá do sábado día 9. Participarán máis de 80 rapaces de toda a provincia, de entre 6 e 16 anos de idade, divididos en catro categorías.
As probas arrancarán ás 10.30 horas na zona da Marisma, ao lado do IES Pedro Floriano. A competición mistura o atletismo e o ciclismo, e os participantes percorrerán diferentes distancias en función da súa categoría. Desde os máis pequenos, que farán 750 metros de carreira e 2 quilómetros de bicicleta, ata os maiores, que farán 3 quilómetros de carreira a pé e outros 8 quilómetros en bici. Na presentación do evento, o edil de deportes, Jesús Crespo, animou aos veciños a achegarse ata a zona da competición “para animar aos rapaces e gozar do espectáculo”. O delegado provincial de Deportes, Daniel Benavides, salientou que é “un gran acerto” por parte do Concello de Redondela incluír esta proba dentro da programación da Festa do Choco, xa que servirá para promocionar máis a vila, ao misturar esta exaltación gastronómica coa cultura e o deporte. Para o alcalde, Javier Bas, trátase tamén boa oportunidade “para promocionar o atletismo e o ciclismo no municipio”, dous deportes que segundo recoñeceu, precisan mellorar as súas instalacións en Redondela. Por iso esta final provincial servirá para “comprometer máis” ao Concello nese obxectivo. Na presentación participou tamén o ex ciclista profesional Marcos Serrano, director da Escola Ciclismo Redondela, que colabora coa organización deste evento. Para este redondelán é importante fomentar a práctica do deporte e “involucrarse tamén na organización doutros eventos como este duatlón. A competición comezará ás 10.30 horas, e está previsto que remate ás 13.15 horas, aproximadamente.