AER e Espazo Ecosocialista amosan a súa solidariedade cos traballadores da empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo logo do seu anuncio de ir a folga a partir do 18 de maio. Os traballadores realizarán unha asemblea informativa o xoves 14 ás 18:30 horas diante do concello para explicar aos veciños os motivos que os levan a convocar esta mobilización.
Os traballadores teñen previsto comezar unha folga o vindeiro 18 de maio en resposta á negativa da empresa a negociar un novo convenio colectivo. Explican os afectados que os representantes de Urbaser mantén u8nha posición de prepotencia e non acepta negociar cos traballadores.
Membros da Agrupación de Electores, logo de reunirse cos operarios amosan o seu apoio ás súas demandas que pasan por retomar as negociacións. Critican tamén dende AER que “ante esta situación o Concello mire para outro lado do mesmo xeito que fai respecto do cumprimento do contrato e das melloras que dita empresa formulou e lle permitiron ese contrato que aínda teremos que soportar outros 12 anos”.
Engaden que “o Concello non só ten a capacidade de incidir na negociación, senón que ademais ten o deber e conta con ferramentas para intervir”.
Do mesmo xeito dende Espazo ecosocialista amosaron tamén o seu apoio aos traballadores.
Dende o BNG pola súa banda solicitaron xa a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces para que, por parte do Alcalde, se dea información sobre as xestións feitas ou que pensa facer para solucionar este conflito.