O equipo redondelán está a vivir o seu soño, logo de que o domingo se clasificara para disputar a fase de ascenso a Segunda B. O próximo obxectivo é Copa Deputación, que xogarán a próxima semana, e o domingo o último partido de liga en Ribadumia que os podería deixar na terceira praza.
A vitoria do domingo sobre o Deportivo B supuxo unha explosión de xúbilo para o equipo, nun día de celebración completo, co día grande da Festa gastronómica do Choco e final de xornada co C.D. Choco en fase de ascenso cun público entregado nas gradas de Santa Mariña. Para o presidente do club, Iván Crespo, é un “soño feito realidade”, que ninguén podía imaxinar a comezos de temporada. Pero o equipo foi medrando e mellorando, e agora non se poñen límites. O próximo obxectivo é a Copa Deputación, xa están clasificados para a final de Vigo, e confían en vencer ao Gondomar para gañar a gran final. Crespo advirte que agora os xogadores están “no seu mellor momento”, co obxectivo acadado e “sen presións”, polo que non descarta que poidan dar “a sorpresa” no play-off a Segunda B. E iso que o Choco é un dos equipos con menos orzamento da Terceira División e dos que máis cambios experimentou no seu cadro de xogadores desde a pasada temporada. A boa campaña do equipo volverá ser un arma de dobre fío, porque moitos clubs se fixarán nos seus xogadores máis destacados, e tamén no seu adestrador, Jacobo Montes. Para Crespo o técnico é, sen dúbida, un dos grandes artífices deste éxito, e o seu desexo “é que siga no club redondelán”, pero aínda terán que sentar a negociar unha vez rematada a liga. O que poden ofrecerlle a Montes é un equipo que se manterá en Terceira División, e non descarta “sorprender” na fase de ascenso. Queren traballar nun novo proxecto para a temporada 2015-2016 que siga mantendo a ilusión nun equipo “que segue medrando”.