A derrota por 0-3 diante do Estremadura foi un castigo demasiado severo para o Choco. O equipo redondelán vivía como un soño esta fase de ascenso a Segunda B da que practicamente queda agora apeado. Os de Montes non fixeron o seu mellor fútbol e o rival non perdoou os erros.
O Estremadura confirmou onte en Santa Mariña que é un dos firmes candidatos ao ascenso. No terreo de xogo foron un equipo duro e con experiencia, con xogadores afeitos a disputar este tipo de encontros. E atoparon a un Choco que non estivo ao seu mellor nivel, e que acusou moito o 0-1 recibido antes do descanso. Na segunda metade arriscaron, sen ter en conta que se trata dunha eliminatoria a dobre partido. Jacobo Montes foi fiel aos seus principios, apostou polo once inicial que cabía esperar con Cortegoso en portaría, Yago, Saúl, Lucas e Carminatti en defensa, Xose e Fernando no dobre pivote cunha liña de tres mediapuntas por diante, con Comis á dereita, Félix no centro e Hugo á esquerda, e Silva como referente ofensivo. O Estremadura deixou clara a súa intención de non encaixar goles. O Choco tratou de levar a iniciativa, pero sen xerar excesivo perigo. Quizais as súas mellores opcións chegaron nese tramo inicial cun remate cruzado de Hugo e outro disparo de Félix que se marchou excesivamente alto. O primeiro gol dos visitantes chegou nun cabezazo a balón parado. O segundo gol chegou nunha perda de balón na saída que colleu atrasado a Saúl para romper o fóra de xogo e, o terceiro, nun erro no inicio da xogada culminado por unha excelente vaselina de Willy ante a saída precipitada de Cortegoso. Malia os tres goles, o Choco tivo as súas opcións. Xosé Ramón dispuxo dunha falta na frontal que executou mal, Fernando tocou unha falta que sacaron entre Saavedra e o traveseiro, e Silva na área pequena disparou contra o porteiro co tempo cumprido. Agora, o Choco, sen presión, debe viaxar até Almendralejo co obxectivo de recuperar o seu bo xogo e demostrar as cualidades que o levaron á cuarta praza da Terceira División.
Choco:Cortegoso; Yago Vázquez (Pablo Piñeiro, min. 66), Carminati, Lucas, Saúl; Fernando, Xosé Ramón (Gonza, min. 62); Hugo, Félix (Rober, min. 76), Comis; e Silva. Estremadura: Saavedra; Chechu, Lolo Guerreiro, Pozo, Tomiño (Feito, min. 74); Ismael, Curro; Juanjo (Ruano, min. 70), Sabino, Juanito da Cruz (Diego, min. 62); e Willy. Goles: 0-1, min. 39: Pozo; 0-2, min. 61: Willy; 0-3, min. 68: Willy.
Segunda Autonómica
Victoria 1-1 Choco B:
Umia 3-2 Arcade : O Arcade perdeu no campo do Umia logo de que os locais lle deran a volta ao marcador. Na próxima xornada o Arcade recibe ao Zacande no penúltimo partido de liga, pero xa coa salvación asegurada e sen ningún obxectivo en xogo
Terceira Autonómica
Fortuna 0-10 Chapela
O Chapela xa é equipo de Segunda Autonómica logo da abafante vitoria sobre o Fortuna Vigo, pechacancelas do grupo. Os redondeláns foron moi superiores e golearon ao rival.
Cultural Areas B 0-0 Atl Vilar
Empate sen goles que deixa aos redondeláns na quinta praza do grupo
A Lama 7-1Cesantes
Vitoria sen paliativos do Lama, que xa é campión do seu grupo. O Cesantes, situado na metade baixa da táboa, recibe a próxima semana ao Soutomaior, penúltimo clasificado.