Xa se sabe que partidos estarán na corporación municipal e con cantos representantes pero aínda queda por dilucidar quen ocupará a alcaldía de Redondela. AER, que experimenta unha gran suba ao pasar de un a catro concellerios, volverá ser chave de goberno. No caso de non dar o seu apoio a ningún candidato na sesión de investidura gobernará a lista máis votada, a candidatura do PP que lidera Javier Bas.
PP, PSOE e BNG sufriron na xornada de onte un duro castigo das urnas ao perder un importante número de votos respecto das eleccións do 2001. Unha perda en papeletas que se traduce tamén nunha caída de edís. Así o PP afástase da tan desexada maioría absoluta ao perder un concelleiro e logra 9 edís.
Dous representantes son os que perde o PSOE. O equipo que lidera Eduardo Reguera terá que conformarse con 6 concelleiros. Duro correctivo tamén para o BNG que só contará cun representante na corporación, o actual edil Xoan Carlos González.
A outra cara da moeda atopámola na Agrupación de Electores. Confiaban en mellorar o seu resultado de hai catro anos, cando conseguiran un concelleiro pero o apoio recibido onte superou as súas expectativas xa se contarán neste mandato con catro concelleiros. Por último entra tamén nesta corporación a candidata de Redondela Pode, Raquel Quintáns.
Malia que o reparto é diferente repítense as incógnitas do 2011. Ao non lograr ningún partido a maioría absoluta todo vai depender dos acordos poselectorais que pasan necesariamente por AER. Unha formación que durante a campaña cansouse de explicar que non entrarían a formar parte de ningunha coalición de goberno pero que calquera outra decisión a adoptarían en asemblea logo dos resultados.