Unha iniciativa enmarcada dentro do proxecto Apego, un proxecto que nace da colaboración dun total de doce concellos que queren con esta iniciativa incidir na necesidade de que pais e nais empreguen o galego cos nenos dende o seu nacemento e promover así que os máis pequenos adquiran este idioma como lingua inicial. As embarazadas poderán adquirir unha caixa -agasallo na que se inclúe diferente material coma un boneco, un medidor, un álbum de recordos e outros contidos que se competan cun CD recompilación de diferentes temas de música infantil en galego.
Un proxecto de dinamización lingüística que nace pola colaboración de doce concellos ante a preocupante situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás. O seu obxectivo principal é implicar as familias na valoración positiva da lingua propia, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual segundo explicaba o concelleiro de Cultura Julio Alonso A acción de arranque do proxecto é a entrega dunha caixa de benvida ás familias que agardan un bebé con materiais para achegar argumentos e materiais de axuda para a transmisión do galego, apoio á crianza, etc. Esta caixa entregaráselles ás familias que van ter un neno ou nena (ben por embarazo, ben por adopción) e que estean empadroadas nalgún dos concellos participantes, e contén os seguintes materiais: un boneco-manta apego, un libro: guía para pais e nais que inclúe razóns para a transmisión da lingua; propostas de nomes en galego e argumentos para elixilos así como recomendacións para o inicio da crianza, un álbum de recordos, un medidor e un adhesivo para o coche: para que o resto de xente que anda pola estrada ou rúa teña sentidiño. Unha vez que naza o bebé, ás familias que recolleron a caixa entregaráselles tamén un disco cunha compilación de dez cancións de música infantil en galego de grupos e estilos diversos: María Fumaça, Mamá Cabra, Uxía, Olga Brañas, As Maimiñas, Pablo Díaz, Os Tres TENedORES, Susa Herrera e Pirilampo. O CD está producido pola Editorial Galaxia Ademais o proxecto dispón dun espazo web para a información e intercambio de recursos de axuda, culturais, educativos e formativos, para crear rede coas familias e que vaian coñecendo as accións e actividades. O seu enderezo é www.apego.gal. Para máis información pódese contactar co SNL do Concello de Redondela no teléfono 986 400 106 ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es.