As remeiras do club redondelán, que ata o de agora participaran na categoría raíña compartindo embarcación con outros clubs galegos, terán este verán o seu propio barco. Un premio á súa espectacular traxectoria, que poderían consolidar esta fin de semana no Campionato Galego de Traineriñas, previo ao estatal, que será en Santander.
O remo feminino está a dar moitas alegrías ao C.R. Chapela. Esta fin de semana a traineriña competirá en Cabo de Cruz polo título galego, onde teñen moitas opcións. O presidente do club, Julio Prado, ve ás deportistas “con opcións de desquite”, logo de que as anfitrioas as superaran en bateis. Ademais do título galego tamén están en xogos os pases para o Campionato de España, que se disputará os días 6 e 7 de xuño en Santander. Na proba estatal as rivais a ter en conta son as vascas, pero Prado confía en que o barco de Chapela estea a un alto nivel e compita “polas medallas”. O traballo das deportistas redondelás ao longo de todo o ano e os seus bos resultados son “un orgullo” para o club de Chapela, que este ano vai facer un esforzo por participar no Campionato Galego de Traiñeiras con barco propio. Toda unha novidade no club, xa que as remeiras de Chapela ata o de agora participaran na categoría raíña compartindo embarcación con outros clubs.