A tripulación feminina de Chapela, xunto coa xuvenil de Robaleira e a absoluta masculina de Cabo da Cruz, deron un recital onte en augas arousás, proclamándose Campións de Galicia de traineriñas nunha mañá gris e con mar en absoluta calma.
Iniciouse a xornada coa final das mulleres na que as mozas de Chapela eran claras favoritas. Desde o inicio as atletas de Chapela puxeron proa á vitoria na primeira virada, e a partir de aí foron gañando vantaxe clara sobre as rivais, cunha superioridade abafante. A metade de regata xa contaban cunha vantaxe de 8 segundos sobre Samertolaméu e Mecos, que nada puideron facer ante o forte ritmo das redondelás, que se fixeron coa bandeira de campioas con dez segundos de vantaxe sobre o barco de Mecos, que acabou na segunda posición. A segunda final foi a da categoría xuvenil masculina que tiña dous grandes favoritos, Robaleira e Mecos. E os prognósticos cumpríronse, decidíndose a bandeira entre eles. Os mozos de Robaleira impuxéronse con ritmo contundente na última recta até cruzar a meta seguidos de Mecos, a menos dun barco. E a final da categoría absoluta masculina ofreceu unha gran exhibición dos remeiros de Cabo da Cruz, ante a alegría dos seu numeroso público. Foron moi superiores aos rivais, aos que sacaron 18 segundos de vantaxe. Os dous primeiros de cada categoría gañáronse a praza para estar o próximo fin de semana no Campionato de España en Santander, e as sensacións dos equipos nas tres categorías, moven á esperanza e deixan excelente sabor de boca.
Resultados:
Absoluto feminino: 1. Chapela, 15.39:94; 2. Mecos, 15.49:38; 3. Samertolaméu, 15.53:47; 4. San Martiño, 16.38:12.
Xuvenil masculino: 1. Robaleira, 14.24:94; 2. Mecos, 14.26:31; 3. Tirán, 14.31:56; 4. Cabo da Cruz, 14.45:75; 5. Poboa, 15.20:31.
Absoluto masculino: 1. Cabo da Cruz, 13.31:81; 2. Tirán, 13.49:23; 3. Náutico Boiro, 13.56:39; 4. Amegrove, 14.01:05; 5. Mugardos, 14.04:05.