Os socialistas lembran que o parque foi pechado o pasado 19 de maio, tres días antes das eleccións municipais, data na que se colocou un cartel anunciando o inicio das obras “sen embargo e malia que o parque segue pechado non se están a realizar as actuacións financiadas pola deputación e que segundo o prazo terían que estar rematadas o vindeiro día oito”. Entende o socialista Eduardo Reguera que “agora queda demostrado como toda esta actuación realizouse cunha finalidade electoralista, para gañar uns votos en campaña electoral porque Javier Bas sabía que as obras non se realizarían con tanta celeridade”.
Asegura a agrupación municipal socialista que recibiron numerosas queixas nos últimos días de veciños de Chapela e, posteriormente, comprobaron como o parque infantil de Chapela atópase pechado por obras malia que non se está a realizar alí ningunha actuación (de feito nin sequera se procedeu a cortar a vexetación orixinal). Desta forma, moitas nais con nenos estanse atopar que, en días de bo tempo, non teñen a onde levar os rapaces.
O expediente da actuación recolle que as obras teñen un prazo de 20 días e o recinto foi pechado o día 19 de maio, tres días antes das eleccións municipais, polo que o vindeiro día oito tiñan que rematarse, pero estas están moi lonxe de realizarse porque as obras (financiadas pola Deputación de Pontevedra) están sen comezar.
Por último, Eduardo Reguera demanda que “unha vez pechado o parque que se retomen os traballos canto antes para que os nenos poidan gozar dun espazo de ocio importante en Chapela” e conclúe “unha cousa é a necesaria mellora deste espazo e outra ben distinta as actitudes caciquís de Javier Bas”.