Logo dunha temporada histórica para o club redondelán, co título da Copa Deputación e a clasificación para a fase de ascenso a Segunda B, Jacobo Montes despídese “do equipo da súa vida”. O adestrador entenden que xa “pechou un ciclo” logo de catro temporadas co Choco, e sinala que agora traballará para chegar a dedicarse ao fútbol “como profesional”.
Cun equipo modesto e con moi baixo orzamento conseguir sacar o máximo rendemento aos seus futbolistas. E durante catro anos tivo que facelo reinventándose cada verán, pola saída masiva de xogadores atraídos por equipos en mellor situación económica. E sempre conseguiu o obxectivo de facer un equipo competitivo, compensado, que acadou o ascenso a Terceira División, consolidou a categoría e mesmo se clasificou para a fase de ascenso. Igual que aos seus xogadores, a Montes saíronlle “noivas”, equipos que atraídos polos seus excelentes resultados queren contar cos seus servizos. Mesmo algunhas voces aputan que o Celta B estaría interesado no técnico. Polo de agora non ten noticias oficiais do filial celeste, pero si baralla outras dúas ofertas. O que está claro é que non sumará unha quinta temporada no C.D. Choco. O técnico ten claro que a súa etapa no equipo redondeán “rematou” e que é momento de emprender outras aventuras e demostrar a súa calidade noutro lugar. Deixa ao equipo local da mellor maneira posible, logo dunha temporada histórica na que acadaron obxectivos “que non podían nin soñar”.