O alcalde en funcións é cauto á hora de valorar a súa máis que probable investidura o vindeiro sábado “aínda quedan días e ata o pleno do día 13 nada é definitivo”. Máis contundente se amosa á hora de negar ás acusacións do secretario provincial do PSOE quen afirmou ter “fundadas sospeitas de que Javier Bas tería favorecido laboralmente a membros de AER”. Asegura Bas que estas acusacións son “mentira” e que responden “á desesperación dos socialistas por facerse coa alcaldía”. Convídaos a acudir aos xulgados se teñen probas “que presenten unha denuncia ou que deixen de enlodar a política, un terreo no que se moven moi ben pero que é indigno”.
Bas non quere adiantar nada de cómo será o próximo goberno que lle tocará liderar a partir deste sábado. Entende que ata que se produza o pleno de investidura hai que ser cautos malia que todo apunte que seguirá na alcaldía ante a decisión de AER de non apoiar un goberno alternativo. Con todo, é consciente de que se abre un período difícil, no que de gobernar terán que facelo en minoría e cun concelleiro menos, o que obrigará a reorganizar o goberno local para facelo operativo. En canto ás negociacións desenvolvidas nas últimas semanas no camiño de acadar apoios que garantiran a súa permanencia na alcaldía, explica Bas que as súas conversas con AER centráronse en temas relacionados coa participación cidadá e a transparencia “e comprometémonos a seguir avanzando neses campos”.