O alcalde de Redondela tardou practicamente unha semana en reorganizar o seu grupo de goberno. Os seus obxectivos principais eran dous: facer unha reestruturación obrigada logo da perda dun concelleiro e posibilitar a entrada nese goberno do que fora un dos seus fichaxes estrela, o ex xerente da Illa de San Simón Xavier Alonso, quen non saíra elixido ao ocupar o número once da lista. A solución final pasa pola renuncia de Ana Alonso ao cargo de concelleira “por motivos profesionais” e favorecer así a entrada de Xavier Alonso quen asumirá entre outras as responsabilidades de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística. Mª Carmen Amoedo convértese na “muller forte” do goberno coas concellerías de Urbanismo e Servizos Sociais, mentres que o alcalde asume directamente Economía e Facenda.
Bas tiña claro que quería a Xavier Alonso coma concelleiro de Cultura e, finalmente, logo de varios días de incógnita, ven de coñecerse como se fará posible a súa entrada na corporación. A solución pasa pola dimisión dun dos edís electos, neste caso da que fora a responsable de Economía e Facenda, Ana Alonso. Unha renuncia que respondería a “motivos profesionais, pola incompatibilidade de poder afrontar este novo reto político co seu traballo”.
Queda así despexada a entrada no goberno de Xavier Alonso, a quen se lle encomendará o labor de presidir a concellería de Cultura, Turismo, Normalización Lingüística e Novas tecnoloxías. A maiores será tamén responsable dun novo portal de transparencia a través do cal se darán a coñecer todos os procedementos e datos referentes ao Concello, contratacións e outras informacións municipais.
As outras caras novas dentro deste goberno son a de Julio Mougán, que tal e como se esperaba presidirá Deportes ademais de Xuventude, e Mª Carmen Amoedo que se converte nunha das persoas con maior peso neste reparto ao asumir Servizos Sociais, Desenvolvemento Local e Urbanismo (neste mandato deberá desenvolverse o PXOM). Asume ademais a portavocía do seu grupo.
O anterior concelleiro de deportes, Jesús Crespo asumirá as áreas de Feiras e mercados, Medio mariño e Eventos mentres que Mª José Barciela Barros seguirá ao fronte da concellería de Parques, xardíns, obras e servizos.
Mantense tamén como responsable de Medio ambiente e Participación cidadá Miguel Angel Alvarez Ballesteros mentres que Arturo González repite como concelleiro de interior, tráfico, infraestruturas e patrimonio.
Finalmente Teresa París será a encargada de xestionar politicamente os departamentos de Comercio, Muller e igualdade e Ensino, asumindo tamén as responsabilidades ao fronte do Conservatorio.