As festas desenvolveranse os días 23, 24 e 25 deste mes cun programa que busca dar cabida a todos os veciños independentemente da súa idade, con actividades relixiosas, as tradicionais verbenas e un arranque de festa cunha gran sardiñada que repartirá racións de sardiñas, pan de millo e viño de xeito gratuíto entre os asistentes.
Unha gran sardiñada a partir das 20:00 horas do martes que supón o arranque dunhas festas patronais que se prolongarán ata o xoves. Como non podía ser doutro xeito, a cita de mañá contará coa tradicional fogueira nunha xornada amenizada polo grupo Aramio e o Trío Angel. As festas seguirán o mércores con pasarrúas e concerto pola mañá cargo da banda de Música de Redondela, actos relixiosos e verbena nocturna coa orquestra The Boys Madine e Quinta Avenida. Non faltará nesa xornada un partido de fútbol no que se enfrontarán solteiros contra casados. As celebracións rematarán o xoves 25, un día que arrancará cos pasarrúas a cargo da banda de música de Arcade, misa e verbena coa orquestra Tango e o trío Azar. Dende a Comisión de Festas recoñecen a dificultade de organizar este tipo de celebracións pero insisten en que contrariamente ao que fan outras parroquias en ningún momento pensaron en trasladar o programa a fin de semana buscando un maior éxito de público “o San Xoán e o día 24 e ese día é o día no que celebramos a festa en Cabeiro”.