O instituto de Chapela impartirá xa a partir do vindeiro curso un novo ciclo que ven complementar o departamento de Servizos socioculturais e á comunidade. Logo de varios anos de demanda, dende a Consellería de Educación confirmaron que este centro será o primeiro instituto público do sur de Galicia que ofertará a formación de Integración social na modalidade de persoas adultas. Os interesados en inscribirse deben facelo antes do xoves 2 de xullo.
A implantación deste ciclo responde a unha antiga demanda do instituto e supón ampliar a súa oferta formativa na familia profesional de Servizos Socioculturais que actualmente conta cos ciclos de educación infantil e atención a persoas en situación de dependencia. Impartirase en horario nocturno o que fai que o perfil sexa diverso, dende o alumnado máis novo procedente do bacharelato a xente de maior idade que quere completar a súa formación ou que, logo de perder o emprego ou non atopar traballo, decide reciclarse. Unha formación profesional que ten un prestixio do que carecía anos atras grazas a unha maior adaptación á realidade social e laboral que inclúe, ademais da formación teórica en aula, prácticas en empresas. O alumnado que remate este ciclo estará capacitado para desenvolver labores de axuda a domicilio, programas de prevención e inserción social, ocupar prazas de técnico en inserción ocupacional, educador de discapacitados ou de equipamentos residencias. Unhas saídas laborais que fan que os interesados en realizar estos estudos sexan persoas con inquietudes sociais.