A abstención de AER permite ao PP aprobar a súa proposta que establece un salario bruto anual de 45.000 euros. Haberá catro concelleiros liberados que cobrarán 23.000 euros e outros catro con dedicación parcial que percibirán 18.000 euros. O goberno rebaixou notablemente as súas pretensións iniciais que pasaban por manter o salario do rexedor local nos 55.000 euros e que os edís con maiores responsabilidades cobrasen 25.000. Malia todo, tanto PSOE como Redondela Pode e BNG votaron en contra da proposta por entender que a rebaixa debía ser maior.
Nin 48 horas tardou o goberno local en convocar unha nova sesión plenaria extraordinaria para tentar aprobar o réxime retributivo dos membros da corporación municipal. Logo de que a proposta presentada polos populares o pasado martes non contase cos votos suficientes para sair adiante e tras escoitar as presentadas polo resto dos grupos, o PP viuse obrigado a rebaixar as súas pretensións. Os 55.000 euros que defendía o grupo de goberno quedaban moi afastadas das cifras manexadas pola oposición motivo polo que hoxe presentaron un réxime retributivo con cifras máis axustadas: 45.000 euros o alcalde, 23.000 os concelleiros liberados e 18.000 o resto dos edís do grupo de goberno. A retribución ao resto dos concelleiros establécese en 5.184 euros e os voceiros dos grupos da oposición recibirán, como no anterior mandato, 8.100 euros. A popular Carmen Amoedo defendeu as cifras manexadas polo seu grupo lembrando que “tanto PSOE como BNG apoiaron hai catro anos un salario moito maior e por coherencia deberían volver dar o seu voto a favor, tendo en contra que ademais Redondela é o cuarto concello da provincia e un dos que presenta as súas contas máis saneadas”. Recriminou tamén que o bipartito “cando gobernaba manexaba salarios moito maiores”. Uns argumentos que non convenceron aos grupos da oposición. Dende Redondela Pode a súa representante Raquel Quintáns cualificou de “excesivas” as retribucións defendidas e reiterou que o seu grupo establece que o alcalde non cobre máis de tres veces o salario mínimo interprofesional “o cal daría unha cifra de 27.240 euros anuais”. O nacionalista Xoan Carlos González amosou a súa disconformidade cunha proposta que “asfixia ás forzas pequenas reducindo as súas asignacións” e acusou ao PP de desenvolver en Redondela “a política propia do seu partido que só busca fomentar o bipartidismo”. Defendía ademais que so 3 dos concelleiros de goberno estiveran liberados. Os socialistas tamén se posicionaron en contra dunha proposta que cualificaron de “lamentable” e animaron a Javier Bas “a que se rebaixe o salario a 40.000 euros, que faga un xesto que sería valorado polos veciños achegándose aos salarios de alcaldes como os de Madrid, Barcelona ou A Coruña”. Finalmente o posiconamento de AER, grupo que optou pola abstención no salario do alcalde e apoiou as retribucións do resto dos edís, permitiu ao PP sacar adiante o punto. O voceiro da Agrupación de Electores Ricardo Figueroa, explicou que malia non estar de acordo co salario que ía percibir o alcalde si valoraban positivamente a proposta no seu conxunto “que permitirá reducir notablemente os gastos da corporación”.